Programa I – Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social – 2021

TR802G – Subvencións para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais – 2021

Publicacion DOG

Presentación de Solicitudes Sede Electrónica Xunta de Galicia procedemento TR802G

Data de publicación: 08/02/2021

Data inicio de solicitude: 09/02/2021

Data remate de solicitude: 30/09/2021

Obxecto

As bases teñen por obxecto convocar as subvencións coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

Características da axuda

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 euros con carácter xeral.

Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.

e) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.

f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.

g) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 euros ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 22.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.

A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 euros.

A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias polos cales se percibe a subvención.

Persoas beneficiarias

Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.

c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.

d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.

A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

aedl
Axencia de desenvolvemento local Concello de Monterrei