Na provincia de Ourense, xa próximos ó veciño Portugal atopámonos co Concello de Monterrei, lenda viva da historia de Galicia e paraxe de incomparable riqueza natural, cultural e arquitectónica.
Desprazado cara o sur dentro da súa propia comarca, atópase facendo linde cos veciños concellos de Cualedro ó oeste, Laza e Castrelo do Val ó norte, Verín ó leste e Oimbra xunto co veciño Portugal ó sur.
Os nosos 119 Km2 en plena comarca de Verín, pertencen de xeito natural ó Val de Monterrei, aínda que os contrastes son acusados entre as zonas de val e montaña posto o que a próxima Serra do Larouco transmite parte da súa maxestuosidade a zona oeste e norte do concello, representando o punto máis elevado do mesmo o Pico de Meda de 1091 m de altitude, en plenos Montes de Meda.
Once parroquias son nas que se reparte a nosa xente: Albarellos (Santiago), Estevesiños (San Mamede), Flariz (San Pedro), Infesta (San Vicenzo), A Madanela (Santa María), Medeiros (Santa María), Monterrei (Santa María), Rebordondo (San Martiño), San Cristovo (San Cristovo), Vences (Santa Baia) e Vilaza (San Salvador) (cun importante núcleo, a parte de Vilaza que da nome a parroquia, como é A Salgueira).
En Albarellos radica a capitalidade do concello.