Carnes
Na súa condición de concello interior sen costa, basea a súa gastronomía nos productos da terra, tanto agrícolas como gandeiros, sen olvidar a xenerosidade dos seus ríos e regatos, co Támega á cabeza e o Búbal, e o Rubín como secundarios.
Como ocorre en toda Galicia, ó falar de carnes hai que empezar polo porco, que aquí coñece unha artesanía especial, con especialidades moi características, como a androia, estreitamente emparentada co botelo, que en Monterrei se especializou denominándose bandullo cheo, ou a gran variedade de chourizos, dende os tradicionais os saborosos ‘ceboleiros’ ou particulares versións de longanizas, morcillas... Hai que suliñar a gran calidade do cabrito, e reservar un apunte importante para a caza, tanto de pluma como de pelo, maior e menor.
Carnes de granxa e de caza
A caza ofrece magníficas posibilidades: hai agachas, perdices, pombas, coellos, lebres e, no apartado de caza maior, xabaril e corzo.
Hortalizas
A horta de Monterrei é pródiga. Hai bos grelos, e uns excelentes
pementos. Capítulo especial merece a riqueza micolóxica, hasta fai
pouco aproveitada na propia zona.
Produtos do mar
En Monterrei é posible, como en toda Galicia, saborear boa cociña de productos do non tan lonxano mar; pero ó falar de peixes hai que centrarse na oferta fluvial: boas troitas, excelentes anguías, escalos, salmóns e ata lamprea... Merece un capítulo propio o polbo, cuxa maior fama a ten na vila de O Carballiño pero que se pode degustar por toda a provincia.
O tradicional bacallao portugués pasou a fronteira e tamén se deixa ver nas mesas de Monterrei e comarca como un prato xa incorporado por completo á gastronomía local. É tan galego como as deliciosas carnes que se poidan degustar no concello.
A castaña
Un producto de Monterrei que goza de fama universal é a castaña. En novembro proliferan as festas en torno ós ‘magostos’, castañas asadas nas brasas. Pero aquí, xunto con outros puntos da comarca e da provincia, desenrolouse unha importante industria en torno á castaña: o ‘marron glacé’ ourensá exhíbese con honra nos escaparates das mellores tendas de ‘delicatessen’ non só españolas, senón do resto de Europa.
Os viños
A zona tamén aporta un complemento perfecto a comida, como é o viño de Monterrei, que conta con denominación propia dende o ano 1996.
Os viñedos incluídos na denominación de orixe Monterrei abarcan preto de 3.000 hectáreas emprazadas nas ladeiras dos montes e vales regados polo río Támega, no sur da provincia de Ourense.
Trátase dunha zona perfectamente definida e de personalidade acusada, cun clima marcadamente mediterráneo, moi seco para o que resulta habitual en Galicia, e con veráns moi cálidos, circunstancias que inflúen de maneira decisiva na evolución das uvas e, polo tanto, nos viños que se obteñen.
Na denominación de orixe predominan as variedade autóctonas, tales como Dona Blanca (Moza Fresca), Godello, Treixadura, Mencía e Merenzao (María Ardoña o Bastardo). Tamén hai tempranillo (arauxa).
Os viños brancos presentan unha cor amarelo palla, frescos e agradables, con aromas herbáceos nos elaborados fundamentalmente con uva xerez, e intensamente afroitados cando se empregan preferentemente variedades autóctonas.
Os tintos son afroitados, lixeiros, aínda que non tan interesantes coma os brancos.
Os viños elaborados cun mínimo do 85 por cento de uvas de variedades autóctonas considéranse de calidade “superior”. Os restantes deberán levar como mínimo o 60% de uvas autóctonas.
A gradación alcohólica mínima é de 11 grados para os brancos de calidade superior e 10,5 para os tintos do mesmo tipo. No resto dos casos a gradación mínima será de 10 grados.
En relación con este importante elemento gastronómico e económico para a zona do val de Monterrei e, por conseguinte, para o noso concello o Consello Regulador e a Mancomunidade de Municipios de Verín presentaron un anteproxecto á Xunta de Galicia para crear o primeiro roteiro de viño na comarca. A iniciativa persegue ofertar aos turistas un roteiro que inclúa adegas, restaurantes e a visita a monumentos.
O seu obxectivo, atraer aos visitantes interesados no enoturismo e contribuír a que o desenvolvemento do sector turístico sexa continuo e de enclave. Isto é, prolongar o período de visitas á comarca de Monterrei para que non só o viño sexa o protagonista, senón que a este engádanselle o resto do patrimonio como o Castelo de Monterrei, museos e mananciais.
Esta iniciativa, xa exposta a un goberno autonómico que ha dar apoio orzamentario para que esta idea saia adiante, estará formada polos concellos de, o noso de Monterrei, Verín, Laza, Castrelo do Val, Oímbra, Cualedro, Riós e Vilardevós.