O MONTE
A especie característica é o Quercus rotundifolia (enciña) acompañada por Genista hystrix e Daphne gnidium. Son característicos os matorrais de Cytisus scoparius, Cytisus multiflorus e destaca a presenza de Cistus ladanifer (Xara).
O cultivo do castiñeiro (Castanea sativa), atópase moi estendido na zona, onde se presentan como masas puras, densas e con escasas especies asociadas.
A maioría da superficie forestal correspóndese con masas piñeiro, unhas 3665 ha, con unha especie principal o Pinus pinaster e unha especie accesoria o Pinus sylvestris (escasamente representado por 51 ha situadas nos Montes de Meda)
O mato atopámolo ocupando extensas áreas sobre todo a medida que acadamos altitude. Alterna espacios nos que se compaxinan con especies arbóreas e outros nos que aparecen cunha altura que permite o pastoreo.
Atopamos masas puras de caducifolias e masas mixtas de caducifolias e piñeiro e eucalipto e piñeiro.
As especies caducifolias máis representativas son o cerquiño (Quercus pyrenaica), os carballos (Q. robur), as enciñas (Q. rotundifolia) e os castiñeiros (Castanea sativa).
Ó longo do curso do río Rubín (ó paso pola parroquia de Albarellos) atopámonos con masas mixtas de mimosas, piñeiro e caducifolias.
As caducifolias de ribeira non se diferencian das presentes noutras zonas de Galicia a non ser pola abundancia de especies do xénero Populus (P. alba e P. nigra) xunto cos comúns ameneiros (Alnus glutinosa), freixos (Fraxinus excelsior), salgueiros (Salix atrocinerea) e os bidos (Betula pubescens).
A pesar da aparente potencialidade forestal do concello o aproveitamento madeireiro é escaso e compleméntase con subproductos forestais como son os cogomelos, as setas ou o mel, tendo un apartado especial a castaña, xa que Monterrei é unha das principais zonas productoras da provincia de Ourense xunto con Conso-Frieiras, Valdeorras e, en menor medida, o ámbito da Ribeira Sacra. Deste froito extráese o afamado “marron glacé”, exquisitez a nivel culinario.
Existen distintas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común repartidas por todo o Concello.
O AGRO E A GANDERÍA
Se atendemos a unha rápida consulta ós diferentes usos do territorio entre os que se reparte o concello de Monterrei, tal e como se aprecia na figura adxunta, vemos que existe unha grande importancia de dous sectores principais o agrícola e o forestal que prevalece sobre o resto.
O concello de Monterrei posúe o 9,5% das terras de primeira calidade de toda a comarca de Verín. Son terras con boas propiedades físicas, axeitadas para mecanización e con fondo apropiado para calquera tipo de cultivo. A superficie total adicada a labores agrícolas e vitivinícolas é dun total de 4138 ha.
Como principais cultivos agrícolas destacan a rica horta cultivada nas fértiles terras de val e que ten como principais productos pementos, cebolas, leitugas, coles, repolos e xudías. A vocación é fundamentalmente de autoconsumo existindo actualmente iniciativas para a súa posta en valorización xa que é unha horta de calidade e con posibilidade de altas produccións.
Os prados existentes adícanse ó mantemento dunha cabana gandeira de destino principalmente a carne.
OS VIÑOS: AS NOSAS XOIAS
A producción vinícola no concello ten a súa máxima expresión na Denominación de Orixe Monterrei, regulada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei
Foi aprobado o seu regulamento por Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 25-11-1994, e ratificado polo MAPA por Orde do 19-01-1996.
A zona de producción dos viños amparados pola denominación de orixe Monterrei está constituída por dúas zonas diferenciadas a do Val de Monterrei e a Ladeira de Monterrei, que no seu conxunto abranguen os concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oimbra e Verín, todos eles no sur da provincia de Ourense.
• A primeira subzona, a do Val de Monterrei, comprende as parroquias de Castelo do Val, Pepín e Nocedo do Val (Concello de castrelo do Val); Albarellos, Infesta, Monterrei e Vilaza (Concello de Monterrei); Oímbra, Rabal, O Rosal e san Cibrao (Concello de Oímbra); Abede, Cabreiroá, Feces de Abaixo, Feces de Cima, Mandín, Mourazos, Pazos, Queizas, A Rásela, Tamagos, Tamaguelos, Tintores, Vilela, Verín e Vilamaior (Concello de Verín).
• A segunda, a daLadeira de Monterrei, comprende as parroquias de Gondulfes e Servoi (Concello de Castrelo do Val); Chas e a Granxa (Concello de Oímbra); Flariz, Medeiros, Mixós, Esteviños e Vences (Concello de Monterrei); e a parroquia de Queirugas (Concello de Verín).
Plantación de viñedo
Empréganse variedades preferentes como son, en canto ós caldos brancos, Dona Branca, Godello e Treixadura; para os tintos prefírese Mencía, Bastardo e Arauxa.
Compleméntanse estas variedades co emprego de Palomino para os primeiros e Garnacha e Gran Negro para os tintos.
Os viños brancos resultantes son lixeiros, aromáticos, de cor amarela dourada ou pallosa, cunha graduación alcohólica media próxima ós 11 graos, plenos, saborosos, equilibrados en acedume e aceptable retrogusto.
Mentres que os tintos caracterízanse por ter cor púrpura, agradable aroma a froitas, lixeiros e con bo equilibrio alcohol-acidez, con grao alcohólico algo inferior ó dos brancos, e cun toque de xuventude que os fai apetitosos ó consumidor.
Na actualidade, a D.O. Monterrei está formada por 20 adegas e 570 viticultores. A superficie adicada a viñedo é superior a 3.000 hectáreas aínda que só se atopan amparadas 680 hectáreas.
No concello de Monterrei atopamos representada a denominación polas adegas: Adega Boo-Rivero, Adega BernabéJiménez, Adega Crego e Monaguillo, Adega Coop. Terras do Cigarrón, Adega Madrevella, Adega Pazo BlancoNúñez e Adega Quinta da Muradella.
A NOSA INDUSTRIA
A situación do concello de Monterrei é análoga a dos concellos do resto da comarca, que en conxunto se encadran nunha das cinco comarcas galegas de menor peso industrial.
Destacan principalmente catro sectores: confección, envasado de augas, materiais de construcción e a propia construcción. Si ben o envasado de augas ten unha incidencia indirecta no concello de Monterrei ó situarse as principais prantas envasadoras no veciño Verín.
A mellora das infraestructuras (integración na rede galega de autopistas a través da A-52) está actuando como elemento dinamizador, se ben se detecta un despegue demasiado ralentizado da actividade industrial.
No ano 2006 o concello de Monterrei contaba cun total de 91 empresas.
Como vemos o sector con máis movemento é o sector servicios, destacando por riba dos demais e concentrando o 48,35% do total empresarial. Dentro deste sector cobran especial relevancia o sector comercio e o sector hostaleiro, propios de concellos con especial interese turístico como é o caso de Monterrei.
A tónica xeral no desenrolo económico xeral, tanto de Galicia como de España, nos últimos anos foi que a construcción representase un dos piares da economía empresarial. Monterrei non é unha excepción concentrando esta actividade o 24,17% das empresas.
O terceiro sector en importancia represéntano as industrias manufactureiras (22,75% das actividades), entre as que se atopan industrias auxiliares da construcción ou de peletería entre outras.
É destacable a potencialidade que representa o concello no tocante as enerxías renovables, e particularmente en relación a enerxía solar, sendo un emprazamento ideal para a ubicación de hortas solares. Potencialidade aínda por explotar.
Un dos puntos fortes do novo planeamento proxectado constitúeo a dotación de solo industrial para o Concello. Monterrei podería deste xeito favorecer unha maior concentración de empresas da rexistrada actualmente, empregando como vía de acceso ó futuro parque a nacional 525.
DANDO SERVIZOS OS NOSOS CIDADÁNS
O sector terciario divídese en tres grandes bloques: as actividades comerciais, o turismo e finalmente as actividades de transporte, servicios empresariais e servizos relacionados coa saúde.
O concello de Monterrei é privilexiado en canto a dotación en recursos naturais e patrimonio histórico. A valoración crecente da calidade de vida, a importancia que está a acadar o medio ambiente e a tendencia actual cara un turismo menos masificado fai que o concello de Monterrei sexa unha potencialidade neste senso. Engádese a esta riqueza cultural e paisaxística a posibilidade de explotar un turismo termal hoxe abandoado en Monterrei (como é o balneario de Requeixo).
ACTIVIDADES COMERCIAIS
Segundo datos estatísticos o número de establecementos censados no concello de Monterrei representaban a finais do 2005 un total de 16, cunha superficie de venta media de 275,86 m2, e unha superficie de venda por habitante de 1,31 m2. A densidade comercial acadaba a cifra de 4,76.