Espazos protexidos

Atopámonos en Monterrei cunha figura de protección incluída na Rede Natura 2000, o LIC Río Támega (Es 1130005), declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) en base o Decreto 72/2004, do 2 de Abril e ratificado como LIC pola Decisión da Comisión do 7 de Decembro de 2004 pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de LICs da rexión bioxeográfica atlántica.

Dentro do noso concello son 114,55 ha as que se encadran dentro desta figura de protección. divididas en dúas zonas.
Unha primeira que se corresponde coas zonas ribeireñas do Río Támega nas parroquias de Estevesiños (64,27 ha) e Monterrei (33,78 ha).
A segunda das zonas atópase na parroquia de Vilaza (46,50 ha) ocupando as marxes dun dos afluentes do Támega, o Río Búbal o seu paso pola parroquia de Vilaza.
En vermello podemos apreciar as zonas as que nos referimos.

Caracterízase este espacio protexido por ter unha extensión total de 630 ha, ó longo dos concellos de Castrelo do Val, Laza, Monterrei, Oimbra e Verín.
Atopámonos cun curso fluvial e lagoas circundantes de importancia pola súa fraga de ribeira e pola súa vexetación palustre. Destaca a súa riqueza en fauna ribeirá e acuática.

Os hábitats característicos máis representativos do espazo son:

• Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae)
• Lagos eutróficos naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition
• Ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion
• Uceiras secas europeas
• Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo
• Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii
• Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae)
• Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica
• Bosques de Castanea sativa

Paisaxe

Destacan como especies representativas da flora o Salgueiro (Salix salvifolia subsp. australis), os carpaceiros de Cistus Ladanifer e Lavandula stoechas sobs. sampaiana, as uceiras de Cytisus multiflorus e os aciñeirais de Quecus ilex subsp. ballota.
O que se engaden as ripisilvas a as arbustedas asociadas a elementos termófilos de influencia mediterránea.

En canto a fauna atopámonos con aves como o Gabián (Accipiter nisus), o Lavanco real (Anas platyrhynchos), a Garza real (Ardea cinerea) ou o Ouriolo (Oriolus oriolus).

A comunidade de anfibios é especialmente rica, favorecida principalmente pola abundancia de auga. Cabe citar o sapo de espolóns (Pelobates cultripes), restrinxido en Galicia a medios con substratos areeiros e clima de influencia mediterránea.
Entre os reptís destacan o escáncer cego (Blanus cinereus), que en Galicia só se pode atopar neste espazo. A lagartixa rabuda (Psamodromus algirus) e a lagartixa cincenta (Psamodromus hispanicus).

En canto ós peixes atopamos como especies características o barbo (Barbus barbus bocagei) e a pancha (Leuciscus caroliterlii).

Os mamíferos máis especiais son o rato moruno (Mus spretus) e o morcego rabudo (Tadarida teniotis).

Vista do río