Outras construccións

• Hospital de Peregrinos; Monterrei (Santa María)

Accédese seguindo a mesma ruta que tomamos para o castelo. Na suba ao devandito castelo, atopamos a man esquerda un sendeiro que nos leva ata a portada do Hospital de Peregrinos.

Este hospital estaba situado dentro do recinto do Castelo de Monterrei. Foi, fundado por D. Gaspar de Zúñiga, só se conserva a súa portada. É de arco de oxiva, abucinado con catro arquivoltas. No tímpano Xesucristo triunfante entre as figuras do Tetramorfo, e na clave do arco un anxo cabeza abaixo. Nas enxutas variada decoración e pedras de armas de fundador. O arco está flanqueado polas figuras da Anunciación baixo doseis oxivais.

• Pazo de Espada (antes chamado Blanco – Raxoi); Vilaza, Vilaza (San Salvador)

O acceso faise seguindo a N-525, se circulamos en dirección Ourense. Unha vez pasado a vila de Pazos xírase á esquerda e lévanos a vila de Vilaza (a uns 3 km do desvío). O Pazo está á beira do regato de Vilaza e fronte ao Pazo de Limia.

Consta este pazo dun grande edificio de planta de escuadra. Presenta na fachada un bo escudo entre dúas ventás e dous balcóns. Ábrese á dereita con galerías. A entrada ao terreo e casa realízase por un portalón que ten un amplo plinto triangular con escudo e rematado en pináculos

• Pazo de Limia; Vilaza, Vilaza (San Salvador)

Situado fronte ó anterior. Todo o terreo está rodeada por un murallón baixo e portalón de entrada coroado cun reloxo de sol. Na fachada principal, rodeado por ménsulas, unha solaina con cuberta e unha galería acritalar. Posúe unha interesante pedra de armas rodeada de decoración barroca. Sobresae na cuberta unha cheminea de sección transversal trapezoidal. Sufriu moitas modificacións e actualmente está dividido e a súa forma aproxímase a un rectángulo cunha torre cadrada pegada.

O patrimonio arquitectónico relixioso aparece representado principalmente polas igrexas de:

• Santa María de Mixós; Mixós, Estevesiños (San Mamede)

Igrexa levantada no século X nunha zona moi romanizada, polo que se sospeita que a comunidade cristián estivera asentada neste lugar moito antes.

Aparece mencionada nun documento do século XII no que é doada ó mosteiro de Celanova, que gozaría dela ata que, no século XVI, foi vendida ó conde de Monterrey.

Santa María de Mixós

A súa traza orixinal respondía a un esquema basilical de tres naves separadas mediante arquerías de ferradura e cabeceira triple de ábsides semicirculares moi profundos que, ó exterior, son rectos, cunha ventá cada un. Na súa fábrica obsérvanse diferenzas entre os perpiaños de menor tamaño e asentados nun podio e os máis voluminosos do resto do templo; nos muros laterais obsérvanse modillóns que quizais fosen os soportes da tribuna que asentaría sobre unha pequena cámara. No interior, dous aras e pinturas do século XIII e XIV.
A igrexa foi reconstruída nos séculos XV e XVI.
Atópase declarada monumento nacional.

• Santa María Gracia; Monterrei, Monterrei (Santa María)

A igrexa de Santa María de Gracia, actualmente reconstruída, conserva unha portada lateral de arco oxival con tripla arquivolta profusamente decorada. No tímpano figura un Cristo bendicindo con ambas as dúas mans, rodeado de representacións zoomórficas e mitolóxicas a ambos os dous lados. No interior destaca un retablo de pedra oxival con Xesucristo triunfante bendicindo con ambas as dúas mans e doce escenas da paixón. O arco triunfal interior é tamén oxival e descansa sobre grupos de columnas.
No exterior é curiosa a representación dunha vara de seis cuartas das que se utilizaban para medir as teas. Tamén no interior destaca unha imaxe da Virxe embarazada e varias "vieiras" símbolo do camiño de Santiago.

• San Salvador de Vilaza; Vilaza, Vilaza (San Salvador)

Igrexa de estilo barroco pegada a unha torre de construción máis antiga, de grandes dimensións. A portada sur presenta unha fornela moi adornada onde se localiza un reloxo de sol. No seu coidado ámbito consérvanse interesantes pezas arqueolóxicas como un miliario, bautismais, etc.
Forma parte dun conxunto arquitectónico – relixioso no que se inclúe unha interesante necrópole alto medieval, na que se atoparon interesantes pezas.

• San Pedro Flariz; Flariz

San Pedro de Flariz

Conta cunha interesante igrexa do derradeiro tercio do século XVIII na que destaca a súa impoñente torre central de elevada presencia e uns releves intramuros con imaxes do Calvario.
No lugar anexo de a Madalena consérvase unha casulla bordada con imaxes realizadas no século XVI.

• Santa María de Medeiros; Medeiros

Nesta igrexa pódense admirar retablos e figuras diversas destacando entre elas as firmadas por Alonso Martínez. Nas súas inmediacións érguense sepulcros megalíticos. Hai que destacar tamén gran cantidade de cruceiros na parroquia.

• Santuario da Virxe da Caridade

Situado na parroquia de Flariz, no lugar do mesmo nome, é lugar de celebración dunha importante Romería de data variable entre finais de maio e principios do mes de xuño.
Eucaristía, procesión e ofrendas combínanse con mostras populares do encanto das celebracións rurais galegas para, en conxunto, representar un atractivo ó que vale a pena achegarse.